Editorial (Novembro).

portada_novembroEn marzo deste ano o gabinete de prensa do PP balear cometeu un “lapsus mail” que deixou en descuberto un xeito de corrupción que a maioría descoñeciamos. O correo, que por erro chegou a redacción de varios medios de comunicación realmente  independentes, comezaba cun educado “Bos días opinadores, estas son as noticias do día para comentar…”*. Os /as “opinadores/as”, son periodistas de medios maioritarios que, por razóns ideolóxicas e/ou pecuniarias, reinciden, dende unha posición  aparentemente independente, na estratexia informativa do PP. Neste caso concreto tratábase de negar que o presidente balear Bauzá fose un ladrón do erario público; desprezar o seguimento e valores da folga do profesorado, e desviar a atención cara unha serie de “boas noticias” obra e gracia do PP. Para isto se lles daba unha serie de argumentos de elaboración do propio gabinete e indicacións da forma politicamente correcta de facelo, evitando así semellar demasiado fascista ou oficialista.

Este asunto é grave. Evidenciouse que o PP ten periodistas en plantilla e probablemente isto non sexa unha excepción se non máis ben un costume. Pero simultaneamente descubriuse unha falla democrática, non só porque haxa uns cantos mercenarios/as de partidos políticos, senón tamén porque esta noticia non tivo a mesma repercusión nos medios do “cuarto poder” que os casos nos que os corruptos/as eran cargos públicos e políticos partidistas. Queremos saber quen son en concreto os/as opinadores/as?
Quen nos informa sobre os informadores/as?

Ademais este suceso evidencia dúas tácticas da oligarquía para manter a súa posición privilexiada nun sistema nominalmente democrático; unha é o sostemento do principio de Goebbels “unha mentira repetida mil veces convertese en verdade”, e a outra facernos crer que o principio da separación dos poderes de Montesquieu persiste no noso sistema capitalista.

A estas alturas do drama, boa parte da poboación sabe que os capitalistas financian partidos, que o goberno presiona os xuíces, que os lobbys “convencen” aos partidos, que os partidos teñen periodistas a soldo, que hai xuíces que militan en partidos políticos e que a familia real é unha podremia… pero apenas hai unha resposta popular. Quizais sexa porque aínda hoxe en día a oligarquía é a única con capacidade para definir cal é a opinión pública maioritaria e, polo tanto, “democrática” e lexítima… Por todo isto é preciso a túa colaboración en medios de auténtica comunicación como son A Boia, Galizacontrainfo, La Marea, Indymedia,…

*http://mallorcaconfidencial.com/20130315_103758-al-pp-se-le-cuela-en-un-correo-a-los-medios-la-estrategia-intoxicadora-en-los-digitales.html

Autora Revista A Boia

Ilustración Peri

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *