Que é unha revolución?

As revolucións é ese punto de inflexión da historia no que agroma un novo sistema político e social. As revolucións son o xeito máis rápido e directo que ten unha sociedade para superala dominación, inxustizas e consecuencias do sistema establecido e as súas crises.

mijail_bakunin

Mijail Bakunin: “O pobo só ten tres camiños para ceibarse da súa miserable sorte; os dous primeiros son a taberna e a iglesia; o terceiro é a revolución social.”

 - Que é unha revolución?

Enténdese por revolución o movemento social que implica un cambio radical que racha coa orde establecida e que cambia as relacións de poder dentro dun sistema determinado de xeito permanente.

Se ben o termo ‘revolución’ existe dende a Época Clásica, o concepto actual de ‘revolución’, como punto de inflexión da historia a partir do que se orixina un novo sistema político e social actual, aparece na Idade Moderna. Coa chegada das grandes transformacións socioeconómicas e tecnolóxicas do s.XVIII así como da aparición do pensamento ilustrado empeza a cuestionarse a base do sistema de valores e ideas establecido. Enténdese que cuestións como a pobreza ou a desigualdade social non son aspectos inherentes á condición humana, senón resultado de diversas circunstancias determinadas por aspectos sociais, políticos, históricos e económicos.

marie_antoinette_maria-antonieta-ejecucion

A raiña Maria Antonieta camiño da guillotina nun grabado da época.

- Revolución vs Revolta/Rebelión.

Estes conceptos soen empregarse como sinónimos pero representan conceptos socio-políticos moi diferentes:

  • Revolución: Movemento social que implica un cambio radical que racha coa orde establecida e que cambia as relacións de poder dentro dun sistema determinado de xeito permanente.
  • Revolta: Protesta espontánea e de curta duración que responde a unha decisión ou acción política que, en xeral, vai contra os intereses dun sector determinado da sociedade. En xeral non está ben estruturada nin ten unha proclama ben definida.
  • Rebelión: Levantamento masivo, planificado e cun contido político ben definido. Soe ter unha forte carga de violencia e e busca facer fronte a un conxunto de medidas gobernamentais consideradas inxustas ou ilexítimas. Ao contrario que a revolución, non busca tomar o poder.

Movimiento 15M valencia 19-05-2011

O 15-M foi unha revolta que non conlevou unha revolución.

Foto: Fito Sanabre

- Como se orixina unha revolución?

O proceso de creación dunha revolución ten a súa orixe na crise do sistema de dominación. As revolucións prodúcense cando o conxunto de grupos que ostentan o poder teñen dificultades para seguir exercéndoo. Isto pode deberse a factores internos (loitas no interior da sociedade por diferentes causas: miseria, mala distribución de recursos,…) ou por factores externos  (derrotas militares, etc…). A esas dificultades engádeselle que os grupos dominados néganse a seguir tendo este papel e valorizan o seu autoconcepto véndose como unha estrutura de forza.

Dende este punto iníciase o enfrontamento que, en xeral, caracterízase por conducirse a través dun alto grao de violencia, pois quen ostenta o poder resístese a perdelo, e emprega todos os medios ao seu alcance, e quen quere mudar a estrutura de poder tamén fai o propio.

A revolución dáse cando se completa o denominado proceso revolucionario que implica a toma do poder por parte dos grupos que promoven a revolución, que son quen substitúen ás autoridades da vella orde, construíndo un novo sistema para esa sociedade.

CheLaCoubreMarch

Fidel Castro, Osvaldo Dorticós, o ‘Che’ e outros dirixentes da revolución cubana nunha marcha de protesta polo sabotaxe da fragata ‘La Courbe’, feito pola CIA en maio de 1960.

Foto: Museo Che Guevara

- Tipos de revolución

Dentro de calquera revolución participan diversos factores que afectan á práctica totalidade dos eidos dunha sociedade, pero segundo as características que teña pódense distinguir tres grandes tipos de revolución:

  • A revolución política é aquela onde o goberno é substituído e, incluso, modifícase a totalidade do sistema político. A relacións sociais en xeral soen manterse inalterables. Exemplo deste tipo de revolución sería a Revolución dos Cravos. Un feito que se desenvolveu en Portugal no ano 1974 e que conseguir rematar coa ditadura de Salazar (a de máis duración de Europa pois estendeuse por 41 anos).
  • A revolución social, é a que transforma o conxunto das relacións e interaccións sociais cotiás dentro dun espazo territorial liberado. Este tipo de revolucións alteran as relacións sociais e van máis aló dun cambio da estrutura política.

A Revolución Francesa produciuse por causas moi variadas (descontento de clases populares, crise económica, monarquía rexa, asentamento da burguesía,…) que tiñan como marco de pensamento as ideas ilustradas. A Revolución Francesa aboliu o feudalismo e a monarquía, e restou poder á igrexa, para así poder encamiñarse cara a un sistema constitucional.

  • A revolución económica é o troco drástico das condicións de produción, distribución e consumo dos bens e servizos. As relacións sociais soen manterse inalterables no inmediato, pero soe servir como caldo de cultivo das mesmas no futuro. En xeral aplícase aos cambios tecnolóxicos.

Un exemplo claro é a Revolución Industrial onde a aparición da máquina de vapor e outra maquinaria, o emprego de novas técnicas e novas fontes de enerxía ou os novos medios de transporte, entre outros, deron comezo a unha época diferente que fixo que as cidades converteranse no epicentro social e económico que sentarían a base dun novo xeito de entender as relacións sociais, políticas e económicas.

 - Crise e revolución.

Unha ‘crise’ é un proceso no que afondan as tensións ou conflitos da orde social establecida. Nas etapas de crise social, política e económica soe haber un clima propenso para as situacións de ruptura social. Cuestionase o sistema instaurado mentres gañan espazo alternativas ao mesmo  e cobran forza opcións que ata ese momento carecen de peso.

Durante os momentos de crise a tensión social increméntase e os grupos dominantes soen realizar reformas para conservar a orde social e seguir mantendo a estrutura de poder. Estas reformas fan que os sectores sociais prexudicados sintan un empeoramento das súas condicións de vida ademais dun posicionamento de hostilidade contra elxs por parte das estruturas de poder. Perante esta situación iníciase unha fase na que a conflitividade social increméntase de xeito progresivo e os grupos sociais prexudicados buscan alternativas e procesos que os leven a inverter a situación imperante. En moitos casos, percíbese como única saída a toma do poder e a transformación dos aspectos substanciais da orde social. E dende aí dáse o paso a procesos revolucionarios.

A caída de Lehman Brothers en 2008 implicou unha crise financeira global que logo deveu en crise económica e máis adiante provocou unha crise política e social. Perante esta situación a poboación de diferentes partes do planeta empezou un ciclo de mobilizacións que foi espallándose progresivamente. No 2011 iniciouse a chamada Primavera Árabe que logo prendeu no 15M, o movemento Occupy ou #yosoy132, entre outros, e que, co tempo,  evoluíron cara á ramificación e división en diferentes grupos especializados en temáticas, áreas e eidos concretos que cooperan e coordínanse entre si para afrontar causas globais. Esta situación implicou ao tempo que os gobernos acelerasen os cambios estruturais cara a un capitalismo máis agresivo que busca na actualidade eliminar a soberanía dos estados en favor das grandes empresas transnacionais e financeiras. Este proceso caracterízase pola construción pola creación de Tratados de Libre Comercio (TLC) que crean un novo marco fóra da vontade popular e, ao tempo, apróbanse medidas que buscan o control social a través de normativas que eliminan as garantes democráticas e permiten a violación de dereitos.

18702096239_c7a6f617cf_kA revolta que comezou en Túnez a finais de 2010, foi o primeiro episodio das revoltas populares que estalaron coa actual crise do capitalismo global.

Foto (do ano 2012) de Aida Miguel

- E ti…que podes facer?

Adóitase afirmar que “a revolución comeza por unha mesma”. Para esta cuestión debes mudar hábitos nos diferentes eidos da túa vida. Infórmate e informa ás persoas do teu contexto e das diversas situacións que se dan no mundo. Actívate, crea e participa en todas aquelas mobilizacións e iniciativas que busquen inverter as situacións nas que a inxustiza sexa a nota predominante. Insírete en organizacións que traballen buscando unha saída alternativa ao sistema capitalista actual, que busquen construír a sociedade baseándose no respecto dos dereitos humanos e o medioambiente, así como na dignidade e a xustiza.

Email this to someoneShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>