Editorial xuño: As Revolucións

liq 2

Ilustración: Liqen

A humanidade atravesa dende o último terzo do s. XX un proceso no que se proclama a fin das ideoloxías aos catro ventos. Esta tradúcese, en realidade, na vitoria (por esmagamento) dunha soa delas: o capitalismo, que irriga cada un dos recunchos da coñecida como sociedade global.

Unha das grandes vitorias desta ideoloxía foi a atomización social que deveu nun estilo de vida individualista no que cada elemento da sociedade asume a lei do “sálvese quen poida”, alén dunha percepción cidadá dirixida polos ditames de Fukuyama entendendo que “co capitalismo chegou a fin da historia”.

Paralela a esta concepción do individual e non colectiva, aparece tamén unha crecente resposta social, que provoca unha tensión constante entre quen detén o poder e quen non. E para isto, o sistema capitalista desenvolve diferentes ferramentas de control deses impulsos de resposta social que se desenvolven no eixo rupturismo-reformismo. O emprego das forzas de represión de estado como elementos de silenciamento, os medios de comunicación de masas a través de procesos de “infoxicación” e desinformación ou a privatización dos bens e servizos públicos nunhas poucas mans que os tratan como negocio, son só algunhas das ferramentas que emprega o capitalismo para poder dirixir e conducir as diferentes explosións sociais.

Pero nestas primeiras décadas convulsas do s. XXI, a alta agresividade do capitalismo está a transformar e acelerar a situación. Cada día aparecen novas voces e olladas que reclaman xustiza e dignidade en diversos puntos do planeta, e que ven a caida do sistema como a única saída posible. Empeza pois, a ir avanzando a idea de ruptura. E a revolución empeza a asomar de novo como un termo xa non tan estraño nin como unha realidade que nos conduce cara a románticas épocas pasadas.

As sociedades viven en continua transformación e movemento, e o poder muda constantemente de mans, dando lugar a novos xeitos de organización social e a novas relacións de poder. Unha sociedade esgotada, empeza a dar os seus primeiros pasos cara a ruptura cando as persoas entenden que as pautas xerais marcadas non son válidas e que, polo tanto, non hai que respectalas nin seguilas. Hoxe parece albiscarse no horizonte, ademais desa vontade, un posicionamento cunha sensibilidade global para a que outro mundo é posible e necesario.

 

Email this to someoneShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>