Acoso sexual do presidente do ‘Club Leis 26’ ás xogadoras de fútbol sala*

O pasado mes de novembro tres xogadoras do Club Leis 26 de Fútbol Sala de Pontevedra rachaban co seu silencio e denunciaban nos medios de comunicación e no xulgado o trato denigrante e vexatorio por parte do Presidente do devandito Club, José Antonio Nieto San Juan.

tarxeta acoso
As tres xogadoras relatan algúns feitos recollidos pola Federación deportiva de Finlandia, ou polo Consell Català de l’Esport como formas de acoso:
-Pullas e insultos de connotación sexual
-Xestos ou expresións faciais ou corporais de natureza sexual
-Suxerencias e comentarios de natureza sexual en relación ao propio corpo, vestimenta, vida privada, …
– Chamadas telefónicas, mensaxes (sms) correos electrónicos, ou cartas de contido sexual
– Enviar ou amosar material fotográfico ou obxectos de contido sexual
– Bromas sexistas ou burlonas….

“O presidente do Club Leis 26 de Fútbol Sala, amparado na súa posición de superioridade, trataba as xogadoras dun xeito denigrante, vexatorio e humillante ata chegares ao acoso sexual”

Este home durante 15 longos meses, valéndose dunha posición de superioridade -amparada no seu cargo dentro do Club- as trataba dun xeito denigrante, vexatorio e humillante de forma continua; insultábaas chamándoas putas ou lesbianas; provocaba situacións incómodas ás xogadoras buscando encontros illados e individuais con elas; mandáballes mensaxes a horas intempestivas, moitas veces con alto contido erótico e sexual.

“As xogadoras que denunciaron os feitos foron apartadas das convocatorias ao mesmo tempo que se lles imposibilita transferir a súa ficha a outro club“

Estes feitos desencadearon o medo, a inseguridade e o menoscabo na súa integridade moral e psíquica ata que acordaron denunciar tales feitos e foron apartadas das convocatorias do Club (aínda que non as deron de baixa, o que lles impide xogar noutro club).
A demanda foi desestimada e -aínda que non estamos de acordo coa súa desestimación e actualmente esta recorrida- podemos ler no auto: “…O Dereito Penal é a resposta máis grave ante determinadas condutas. É importante advertir que non se debe pretender que ante calquera conduta reprochable a reacción que teña a sociedade sexa exclusivamente o Dereito Penal. Mal irá unha sociedade que só sabe empregar tal instrumento e que só entende que se debe reprochar aquilo que é delito, como se un acto polo feito de non ser delito xa non merecera reproche social ou resposta dende as institucións.”

rapazas 3
Non podemos consentir que unha vez máis as mulleres deportistas teñan que aturar un trato vexatorio e situacións de acoso, e que non sexan recoñecidas como profesionais dentro do mundo do deporte.

“A UNESCO establece que as organizacións deportivas teñen a responsabilidade de garantir a protección a menores e mulleres frente o abuso e o acoso sexual“

Tendo en conta que o Código de Ética Deportiva da UNESCO establece que as organizacións deportivas teñen a responsabilidade de velar pola implantación de garantías no contexto dun marco xeral de apoio e protección a menores, novas e mulleres, con obxecto de protexer do abuso e acoso sexual aos grupos antes mencionados.
SOLICITAMOS A VOSA SOLIDARIEDADE COAS RAPAZAS DO CLUB LEIS DE PONTEVEDRA E QUE VOS MANIFESTEDES EN CONTRA DO ACOSO.

Autoría: Marcha Mundial das Mulleres
* este texto enviouse por correo a todolos clubs de futbol con algún equipo femenino de Galicia

Unha reflexión sobre “Acoso sexual do presidente do ‘Club Leis 26’ ás xogadoras de fútbol sala*

  1. Pingback: Enquisa ás colaboradoras d’A Boia | Revista A Boia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *